Sunday 19 de May de 2024

O CEIP San Isidro celebrará o seu 50 aniversario cunha xornada de convivencia, reencontros, lembranzas e moitas sorpresas


O centro educativo abre o prazo para adquirir os tickets para asistir ao xantar incluído na xornada, cun aforo limitado a 500 persoas

O CEIP San Isidro celebra o seu 50 aniversario neste curso 2023-2024. Unha cifra redonda que a comunidade educativa quere festexar da mellor maneira, reunindo ás diferentes xeracións de alumnos e alumnas que pasaron polas súas aulas neste medio século de actividade. Tamén a profesores e persoal, nais e pais, e persoas en xeral que formaron parte do día a día do cole, escribindo deste xeito a súa historia. O acto, no que levan meses traballando dirección do centro e ANPA, terá lugar o sábado 25 de maio no CEIP, baixo o lema “50 anos medrando xuntos”. Unha xornada de convivencia na que compartir lembranzas e reencontros, con xantar incluído, animación musical e festa infantil de tarde.
Dende o cole, a súa directora, Natalia Dopazo, anima á veciñanza a sumarse, e avanza que xa se poden reservar os tickets para a comida, cun aforo limitado a 500 persoas. O menú inclúe lagostinos, carrilleiras e sobremesa, ademais da bebida, e ten un custe de 25 euros para as persoas adultas, e de 10 euros para o alumnado do centro e os nenos e nenas de ata 12 anos. O prezo debe aboarse na secretaría do cole, facendo así efectiva a reserva. Os luns e mércores de 9:00 a 10:00 h, e os xoves e venres de 13:00 a 14:00 horas.

O xantar principiará ás 14:30 horas, pero xa ás 12:00 h o centro abrirá as súas portas con música tradicional incluída. Ás 12:30 horas, celebrarase un acto institucional, e ao seu remate, comezará a sesión vermú. De aí, a xornada continuará coa comida e, xa pola tarde, sobre as 16:00 h, está prevista unha festa infantil cunha morea de actividades para os máis pequenos e pequenas da casa e actuación de La Guagua. Unha hora máis tarde, ás 17:00 h, haberá verbena co intérprete Alberto Bellón, e tamén sorteo de agasallos, grazas á colaboración de diferentes comercios e negocios locais. O fin de festa prevese ao redor das 19:00 horas.

Deja un comentario